domingo, 17 de febreiro de 2019

Quiroga Trail Challengue: Castelo

Hoxe, fai un ano, mentres vía as vosas fotos, deixando a miña sana envexa pegada a pantalla do meu móvil, pensaba que nada me podería separar de desfrutar desta cita, dunha das grandes citas da montaña galega e que non desmerece nada a outras grandes do territorio nacional. Non so a fan especial as súas montañas, o esplendor do Courel, hai algo máis que iso, trátase do ambiente, o aura que rodea a esta carreira. Notala dende que chegas o día anterior a buscar a bolsa do corredor. Son continuos os abrazos, as mostras de cariño, a alegría das persoas, persoas que o día seguinte van facer moitas delas unha maratón ou un ultra de montaña no Courel. Son palabras maiores. Pero ese ambiente de camaredería, de alegría non se despega de ti ata pasados uns días, e iso fai que a vida, grazas a carreiras como esta, sexa un pouco máis sinxela de vivir.
Para min e complicado vir a unha carreira un sábado, ou estou de vacacións, ou teño que pedir o día, pero merecía moito a pena. Vimos un grupo extenso do Cas Montaña e aproveitamos para quedarnos todo o fin de semana e así aproveitar realmente esta experiencia.
O venres a tarde despois de recoller a bolsa do corredor e tomar algo no bar os zorros😊😊😊, dirixímonos a charla técnica, alí econtrámonos a moitos amigos e compañeiros do monte. A charla foi concisa, clara e de ahí e correndo fomos o Chapacuña, e desfrutamos dunha cea de trail en toda regla, saúdando por aquí e por alá, rodeados de hidratos e todos un chisquiño nerviosos co que se nos viña encima. No meu caso particular tratábase da segunda marathon en quince días aderezada cuns cuarenta quilómetros o mércores buscando rutas por Miño, para calquera experto, o máis normal e que estivera destinado o fracaso, pero como digo moitas veces a cabeza supera con moito o que o corpo che da, e non estaba na miña cabeza non poder disfrutar de esta gran festa.
As seis e media arriba, despois de pasar non boa noite, cun hipo terrible (crecendo ó ancho), e un dor nos pes preocupante. Baixamos a desayunar o Chapa e alí primeira gran alegría do día, me atopo a miña Lupe, a Oscar, a Feli, compartir grandes días con grandes persoas como eles e unha das maiores satisfaccións que podes ter. E xa, xunto os meus compis Jose Luis, Fran (canto tempo Mister!!), Enrique Cova, Iago, Blanca e Luis fomos cara a liña de meta. Fotos, nervios, tensión, 42300 metros de puro monte galego que nos estaban agardar alí, o outro lado. Botamos de menos a Jabalí, que podo dicir, pero entre Anxo e Bego fixeron tamén un bo equipo. Eran as oito da mañán. E ala fomos.....
Primeiros dous quilómetros case de asfalto e vaise vendo como o grupo se estira e partese entre os que buscan a victoria e disfrutan, seguro, e os que sólo disfrutamos, cada un cos noso obxectivos particulares. O meu hoxe, aparte de rematar, rondar as sete horas e seguir facendo oposicións a Nostradamus.
Aprendín en pouco tempo, grazas aos consellos dos que máis saben, das conversas coas persoas que quero, e o ensaio-error, que unha das cousas máis importantes para unha maraton de montaña e preparar ben o perfil da carreira, e consecuentemete ter claros os puntos de avituallamento e levar reforzos para as zoas intermedias. Pero as veces, e difícil telo todo baixo control.
No principio da carreira iamos xuntos Enrique, Jose Luis e máis eu, e recoñezo que disfrutei e rin moito coa mochila de Jose e os seus bastóns( Pepe, vaite preparando), parecíamos un trío cómico correndo polos montes. A primeira subida, combinada con algúns sube e baixas, coronámola bastante ben, levábamos cinco quilómetros sen apenas sobresaltos, con algunha zona técnica e subidas duras e neses intres agradecín bastante levar comigo os bastóns. A partires de aquí unha baixada, anticipo do que serían o resto na carreira, acompañados por un intre de Pauliña Prado dos sempre grandes Traileros Toxos e Birras.
 A partires de aquí unha zona preciosa, na que me tocou ir diante, e na que iamos por un sendeiro paralelos o río, mollando os pes, (algúns facendo chof e outros quitando as zapatillas para cruzar) disfrutando como enanos de meter os pes na auga, eu coas miñas dores nas prantas sentábame realmente xenial. Para min unha das zonas que máis me gustaron. Entremedias o primeiro avituallamento, e un fallo que tiven, non cargarme ben de comida e bebida, e case o pago caro. Chegaba a gran subida, ou unha delas, subindo de 600 aos 1176 da Torca. Empecei moi ben, pero pouco a pouco notábame canso, bebín a auga toda, e tiña un bidón na parte de atrás pero me era realmente incómodo e o non comer moito fixo que fora vendo como a xente me pasaba na subida, non é o normal, máis normal e que me pasen nas baixadas, nas rectas, pero nas subidas, algo estaba a facer realmente mal,  e cheguei exhausto e moi xusto a coronar o pico, tanto que o final tiven que parar, sacar o bidón, a barriña que levaba e tomala (grazas Trini pola túa axuda e Jorge Novo polas fotazas), e comezaba a primeira grande baixada, tremenda, como millor o podo definir e que nos momentos previos a carreira en ningún momento pensei que sería tan dura, tan vertical, sobor de todo na súa segunda parte. Espectacular era dicir pouco, e o que se me cargaron as pernas xa o podedes imaxinar. O caso e que xa distanciado por detrás dos meus compañeiros conseguín chegar o segundo avituallamiento e alí recuperar folgos. Non iamos con malos tempos para nos, en Outeiro andábamos polas tres horas de carreira en 18 kms. Para min esta parada foi fundamental, comín de todo, nocilla, membrillo, xamón, tomei coca cola choca, isotónico, falei con Trini, con Jose que xa se ia, e conseguín por o corazón xa no seu punto, e cando saín e me levei a alegría de ver a Iago Breijo nas alfombras e a Javi Rubio nas bifurcacións de maraton e ultra deume un bo subidón de enerxía. A partir de aquí disfrutei moitísmo, toda esta parte conta cunhas vistas incribles manténdonos nos seiscentos-setecentos metros de altitude todo o tempo. Ia solo, vendo a Jose Luis e unha rapaza granadina ó lonxe. Cruzamos o Rego do Recheín, o Carronzo do Caroceiro e o Carronzo de Painzo, iamos por unha ladeira da montaña, miraras onde miraras aquelo parecía un conto de fábulas. Nestes intres daste conta do maravillosa que é a montaña, do moito que che da a natureza, do gilipollas que somos o non coidala de verdade. Pasoume neste intre unha das miñas recoñecidas debilidades, Sabela Fraga, a que o resto da carreira tiven cerca pero nunca conseguín volver a collela, e é que esta parte da carreira fun disfrutando da soídade, do contacto co medio, desa simbiose entre nos e a natureza. E os quilómetros ían pasando. Aquí xa me din conta que este sería o meu lugar, o natural nestes intres, seguía levando bo ritmo para as sete horas, pero sería difícil.
 A subida foi tan progresiva que non a notei pero a baixada, outra vez espectacular. Aquí si collín a Jose Luis, que ia resentido con problemas o baixar e empecei a ir un pouquiño máis rápido. E chegamos o terceiro avituallamento no quilómetro 27, aquí xa moito máis contento, de charla cos voluntarios, un dez para todos e que dicir da categoría e variedade das viandas que alí nos ofrecían, creo que moi poucos trails están a altura de este se falamos de calidade e cantidade. Novamente aproveito para surtirme ben, para descansar, para parar, e ala imos, paralelos neste caso o Rio Soldón, con vistas abraiantes, deslumbrante, para a facer fotos, falando disto, os fotógrafos de cine, sempre animando, dando pulos, o igual que tódolos voluntarios que te encontrabas no camiño, e nos pobos, a xente maior na rúa dando ánimos, foi increíble e moi motivante. Desexaba que non rematara aquela maravilla pero tamén desexaba entrar en meta, así que cando vin no meu reloxo que estabamos no quilómetro trinta case boto unha lágrima. A partires de aquí so me tiña que xestionar ben, quedaba unha dura subida xusto coa cova, que me encantou, cousas únicas deste trail do Castelo. Seguimos subindo progresivamente ata o 35 e chegamos o derradeiro avituallamento en Parada Seca. Xusto saíndo do mesmo vexo a Oscar, unha cara amiga, por  alí andaba tamén Blas, empezaba a dar o Sol, recoméndame que me quite os manguitos, fago caso, nadie millor que él para saber o que queda, e poño o buff cubrindo a cabeza. Como moito, tortilla, sandwiches, froita, bebo, encho as cantimploras, vou feliz porque quedan pouco máis de sete quilómetros para cumprir outro soño.  Levo seis horas de carreira. E saio decidido usando os bastóns incluso nas subidas tendidas, cousa que nunca fago. Pero me agarda unha sorpresa que non vira ben no perfil, falta unha pedazo de subida cos gaiteiros arriba. O sol fai que me custe, pero aínda así fagoa sin descanso, sin pararme nin un intre, ata chegar arriba e por suposto facer unha foto de aquela beleza.
A baixada e unha mezcla, a primeira parte vertical como as outras e a segunda moito máis levadeira por carreiros ata chegar abaixo onde pouco a pouco vaise acomodando ata convertirse nun sendeiro. Esta parte fagoa toda correndo, trotando máis ben, disfrutando a tope, comezo a ver Quiroga, comezo a sentir esa cousa única que che pasa polo corpo cando cumples unha meta tan grande. E chegamos o asfalto, unha pequena pausa para beber e xa encaramos os derradeiros quinientos metros cara a meta. Antes, nun paseillo incrible están os meus compañeiros do Cas Montaña animando, dando folgos, emociónome, non é para menos, so falta o meu Xoel, no que pensei en moitas partes desta carreira, e no meu Plofi, o meu canciño morto esta semana despois de once anos o meu carón. A miña familia e os meus amigos que me apoian sempre, son eses intres onde te abrazarías a unha farola inerte. Hai que expulsar.
 Bego Lois está na meta de dúo Speaker e pregúntame pola carreira, incrible, espectacular, dura....dunha beleza que abrasa. Unha cerveciña con limón e un caldiño e séntome a sombra a descansar. Vexo a Oscar e dime que Lupe terceira, eu non tiña dúbida amiga, na túa segunda maraton de montaña. Eu o final 7h 12, moi ledo, aínda que non fixen a miña millor marca, ahí seguirá e creo que por tempo O maraton de El Hierro.
Ven Jose Luis, rematamos os tres, e en boas condicións, decidimos ir a ducharnos rápido porque Cova tamén quedou terceira e hai que estar na entrega dos premios. Ducha fría e volta a zona de meta, alí compartindo momentos deses que non esquences con amigos, a miña Lupe, Oscar, Feli( mil gracias os tres por ser así e polo bocata rico), Rosa, Manuel, Araceli, Javi, Alexis, Pau, Senra e moitos e moitos amigos máis. Podiums e festa rachada, agardamos xunto a Cova, Barry, Ana facendo o paseiño a tódolos corredores ata que chegan Blanca, Luis e o gran Iago nos dan as nove da noite. Emociona ver as caras de todos despois de tantas horas de sufrimento.
E o pavo real na meta ca chegada do derradeiro corredor a modo de salón de baile e con Carliños da Jandra e Luis Rodríguez as voces,  momentos que quedaran grabados nas nosas retinas por tempo. Cena en Chapacuña e fin de festa. Para nos non, que seguimos ata hoxe recordando máis e máis momentos deste trail do Castelo.
Se tivera que facer un top, e deixando o meu Fragas do Eume por amor a un lado, sen dúbida Castelo, Lor e Ribeira Sacra estarían no máis alto. Por todo, polo trato o corredor, os voluntarios, os avituallamentos, as maravillas que ves durante a carreira, a súa dureza, que a todos nos gusta. Carreiras imprescindibles para alguén que coma eu, non fai moito tempo, se enamarou das montañas.
Grazas a Tourgalia, a toda a xente do Quiroga Trail Challengue e o alma mater Blas por facer que cada ano poidamos disfrutar desta gran festa do Trail Galego. Nos, estes simples corredores (máis ben ca-cos) do Cas Montaña, creo que non me equivoco se digo que hoxe somos un pouco máis felices.





Ningún comentario:

Publicar un comentario